Xénese - Ruth Lodeiro

 

A pluralidade do título vén da conexión das series Auga e Orixe, formalmente as dúas posúen paralelismo, mais tamén profundan noprístino. O que xurdira na pureza, é enturbado, asolado e emporcado, sinalando, entón, que somos unha especie devoradora, irrespectuosa e irreverente. No Xénese bíblico, a muller nace da costela do home, esta concepción xudeocristián marca Orixe, nuns procesos de investigación e traballo que implican repensar a historia. Auga contén múltiples lecturas: a ecolóxica, sinécdoque da Terra; a súa ambivalencia, como orixe de vida e de morte; como posibilidade de coñecemento, viaxe, odisea, pero tamén como traxedia, cemiterio e desgraza.

Orixe significa a vida, o primixenio, a muller como portadora do ser, o líquido amniótico, o sangue. Orixe fala da muller, da súa unicidade persoal, como ente individual, e da grupal e social, que leva adherida a historia escrita.

Ruth Lodeiro


LUGAR DE - Rebeca Lar

 

Cando descubrín que a miña bisavoa Nicasia virase obrigada a agochar unha serie de libros debaixo da roupa para evitar un destino terrible, souben que tiña que achegarme ás miles de historias esquecidas, escondidas, enterradas.

Cando souben que Nicasia e León se salvaran, souben tamén que outros moitos non. E pregunteime como vivira a miña terra a guerra e a ditadura. Pregunteime (sabendo que a resposta era afirmativa) se chegaran as represalias, se houbera fusilamentos, se había persoas desaparecidas.

 

Pronto comprendín que, posiblemente, a mellor testemuña dos asasinatos derivados da sublevación do 36 era a natureza. Entendín que as árbores, as plantas, os arbustos e as pedras viran e escoitaran todos e cada un dos crimes sucedidos no noso país neste último século. E pensei que moitos destes elementos permanecen, como as mortas e os mortos, nos lugares de morte...


Manuel Nietto - Mirarei

 

O observador, polo xeral, rexeita todo aquilo que lle parece complicado a primeira vista. Esa virxe e espontánea visión trata de simplificar e de atopar sentido, de definir un resumen válido e que se poida entender sen moito esforzo. Non gusta pensar moito fora do cotiá. Non gusta gastar enerxía en algo que non se entenda simple e rapidamente. Só uns poucos curiosos e investigadores en potencia intentan facelo. Ole por eles! . Outros están á espera de momentos nos que, a súa mente está mais sosegada ou se atopa nun período de tranquilidade. Son nestas situacións nas que se amosan por sorpresa aquelas formas que nun principio foron rexeitadas e nas que a mente e o corazón se sincronizan para expandirse e descifrar as composicións mais labirínticas e complicadas. Unha vez que se acaba de intuír a representación, cando se clarifica a idea e se conforman as masas, formas e cores, empeza a procura do proceso creativo. É aquí cando o observador ten que atopar o camiño da inspiración, aquelo que empurrou ao artista a crear. Esta colección de obras expresionistas que vos presento baixo o título de Mirarei, non foxen da abstracción pero tampouco se adentran plenamente nela. Con elas presento soños, percepcións, nostalxia e incluso ilusións armadas de luz, color, optimismo e a alegría de vivir. Desexo que sexan do voso agrado . Manuel Nietto