s e b a s  A N X O

"A"

do 24 de xuño ao 31 de xullo de 2017

o inicio dun abecedario propio

 

Foron os anacos de madeira recuperados (salvados) de entre os descartes dun obradoiro de restauración na rúa do Rosario en Compostela, o xerme desta exposición. Durante o ano que a preparei, reutiliceinos de maneiras diversas, abrindo o camiño ao conxunto de obras que se mostran e que tomaron en xeral un claro sentido abstracto. Quixen afondar sobre aquel binomio “materia-forma” da miña anterior exposición xunto a unha buscada (incluso apaixonada) actitude lúdica, coa intención de renovar o proceso creativo propio. Nos “obxectos-escultura”, sitúo o resultado entre o respecto á forma encontrada na madeira e as intervencións de confrontación e comparación, temperándoo e outorgándolle á peza unha nova solución estética inusitada ou excéntrica. Quixen destacar a madeira en todo o conxunto expositivo, traéndoa a un primeirísimo plano para que exercese unha agradable e cálida influencia en asociación coas gamas de cores contrastadas pero suaves ao mesmo tempo. As obras agrupeinas en series, clasificadas polo formato, o material e pola presenza ou ausencia de volume. Para os cadros preferín a diversidade nas estruturas compositivas, desde as minimalistas, a outras acumulativas ou barrocas e mesmo algunha de formato infrecuente. O relato formal e matérico foi derivando así nunha sorte de novas hipóteses estéticas ramificadas en crecemento libre e natural. Mentres tanto nalgúns soportes, signifiquei veladamente marcas con sentido heteroxéneo, completando unha apoteose de imaxes únicas que xerei durante ese xogo de creación construtivo. Interésanme tanto as propias calidades e achados visuais da materia como os poéticos paradoxos máis

sinxelos: livián/pesado ou cheo/baleiro...Polo de agora, corroboro que cada peza é un fragmento e unha totalidade ao mesmo tempo; que a súa presenza irrepetible é á vez efecto e causalidade; que todas as imaxes están unidas ao conxunto como o están as palabras a un parágrafo ou uns pensamentos a unha acción. Nesta altura, entendo o sentido da exposición como o primeiro capítulo dun todo máis complexo que comezou a fraguarse hai un ano. Como nun abecedario propio, aquí tedes o inicio, o “A”. 

 

(Sebas Anxo)

 

 

Sebas Anxo (A Modia, Cambados, 1971)

 

Así abrevia o seu nome completo Sebastián Anxo Rozas Alvarez, cuxa traxectoria coherente levouno a un lugar destacado entre os artistas pintores galegos actuais máis prolíficos e persoais. Cursou pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na que se licenciou en 1996. Posteriormente, en 1998, asistiu ao obradoiro Pablo Ruiz Picasso que anualmente convoca Unión Fenosa, na edición dirixida polo grande artista José Hernández. En 1999 foi premiado na certame Eixo Alántico e na de Pintura Rápida Encontro de Outono, de Compostela. Comenzou a expoñer individualmente en 1992 e nos anos sucesivos coas súas series “Extramundos”, “trans_form.as”, “Panoplies des Papillons”, “Noir Moiré”, “Bestiario Omina” e “A indiferencia do branco”. Estivou presente en casi toda-las escolmas colectivas destacadas celebradas en Galicia nos últimos 15 anos e levou a súa obra a Portugal e Arxentina.