NOTA DE PRENSA

 

Xuro, perxuro, conxuro é o nome da mostra expositiva que acolle, entre o 24 de marzo e o 25 de abril, unha selección da obra de Rebeca Lar no espazo compostelán Os Catro Gatos (rúa das Rodas, 13).

A exposición contén pezas escultóricas, pictóricas e audiovisuais, e afonda no concepto da bruxa desde unha perspectiva de xénero, traballando nas súas implicacións literarias, antropolóxicas sociais e, por suposto, feministas. Cargada de novos significados, bruxa non é xa únicamente a muller cunha gran nariz que voa sobre unha vasoira, viste de negro e leva sombreiro de pico. Bruxa é tamén, no seu sentido máis poliédrico, a menciñeira, a alcaiota, a muller fea e malvada, a mala e a madrasta dos contos populares, a muller real queimada ou torturada nos procesos de bruxaría históricos, a histérica, a muller fatal, a muller rebelde e independente.

Rebeca Lar (Vigo, 1993) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2015) e actualmente está dentro do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporáneo, traballando nunha tese sobre a figura da bruxa na creación audiovisual do século XXI.

Da súa traxectoria artística, pódese destacar a consecución de diversos premios no ámbito do arte e tamén da investigación, así como a participación en diferentes exposicións colectivas, como Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (MARCO e Auditorio de Galicia, 2017).


CatroGatosTV - O Xardín Das Delicias


prensa


Nos seguimos con máis propostas, imos de exposicións. Visitamos "Xuro, perxuro, conxuro" de Rebeca Lar... Unha exposición aberta ata o 25 de abril no espazo Os Catro Gatos de Compostela. E ademáis este sábado haberá un encontro aberto ao público coa artista