EXPOSICIÓNS 2019


 

Nastasia Zürcher - Encontro con AGNI

 

AGNI

MENSAXEIRO ENTRE DEUSES E HUMANOS

CREADOR DA CHISPA DA VIDA

CREADOR

CREACIÓN

 

AGNI, Deus do Fogo, é o gran purificador, de quen deben facer bo uso os mortais para chegar ás divindades. É a chispa da vida, o impulso primeiro no nada, é LUZ, e a luz, é CONSCIENCIA.

Impulsada pola chegada inesperada dun vivaz novo fogo interior, aparecido nesta ocasión de maneira totalmente bruta, vehemente e irreprimíbel, nace esta luminosa exposición que convida á resiliencia.

Catarse dunha experiencia vital, transformación, canalización, e materialización dese impulso-chispa que dá vida a unha nova forma de expresión artística, a unha nova forma de crear…

 

*** CANDO CHE CHEGUE A LUZ TES QUE SEGUILA ***

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


FERNANDO REI - Misela

 

Entre Fernando Rei e a súa obra pervive un nexo íntimo, alleo á mirada do espectador. Non atoparemos elaborados efectismos que causen estrañeza, estupor ou desagrado; máis ben, nas súas pinturas permanece o eco dun diálogo pausado e continuo.

Semella que o pintor quixera traducir sensacións e emocións a un plano único, o pictórico. Deste xeito, nos fondos apenas esbozados (ou así o parece) asoman pinceladas que singularizan o mar líquido, a area húmida e a auga fluída dos regueiros entre os coídos das praias.

Os espectadores que sentimos o frío, a humidade, o son do vento ou a auga correndo… sempre paramos un intre máis ante unha pintura profundamente delicada, reflexiva e sensual.

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


 CAMILO SEIRA - O ritual do sacrificio

 

A matanza tradicional é un claro exemplo da relación entre o home, o sagrado e a natureza; nela, a morte por sacrificio aseguraba a renovación da vida, o fortalecemento e a purificación do grupo.

Os que participaban no ritual somerxíanse nun estado atávico presocial e sentíanse máis cerca das súas orixes e do útero materno.

 

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


 REME REMEDIOS - Chorar

 

 

En Braga, Portugal, as fontes da escalinata do Templo do Bon Jesus do Monte manan e acompañan a subida ó Templo, a baixada á cidade; chorros de auga atopan un canal de saída nas tallas de pedra para chorar perpetuos os ollos, as orellas, a boca, o nariz… Escoitándoas, lembreime da sensación de cando o corpo chora solo, un acontecemento orgánico sen drama. Así deixo chorar as imaxes que chegan ao papel mollado, fluíndo o xesto coa auga, a acuarela

 

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


 ANGELI RIVERA - Compos Kitchens

 

Desde fai tempo intento expresar emocións e sensacións a través da representación de espazos, noutras ocasións centreime en tellados da zona vella, en xardíns, en casas dos meus amigos...

Agora interésame expresarme a través das cociñas, eses lugares alquímicos...

Son exactamente as cociñas das miñas amigas e amigos que viven en Santiago, mayoritariamente na zona vella, porque me gusta o xogo de extraer algunha das súas calidades (xenerosidade, diversión, luminosidade, harmonía, delicadeza...) e potenciala.

Representar as cociñas da xente que coñezo resúltame fascinante porque é coma se estivese facendo unha especie de retrato, non dun xeito científico senón a modo de xogo, e algo das persoas que habitan nestes laboratorios aflora.

Predominan as cociñas da zona vella de Santiago porque adoitan ter máis mollo, máis sustancia e non son tan cuadriculadas como as cociñas das casas de agora. Por exemplo, atopamos algunhas

demasiado grandes, outras con diferentes alturas, outras con moitas fiestras, outras con divisións raras ou varias ampliacións... Non son imaxes de cociñas ben colocaditas e limpiñas, listas para unha foto, destas hai moitas, senón de cociñas nas que se respira algo máis profundo, algo que poida conectarnos cunha parte de nós mesmos...

Son acrílicos e óleos cun estilo artístico que varía entre o expresionismo, o fauvismo e o impresionismo, cun nexo común que as une: a cor. A cor é o denominador común porque parece ser que nos meus cadros as cores aparecen máis fortes, máis saturados do que son en realidade, ou iso é o que me di a xente.

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


 MARÍA LAPIDO - Todas e ningunha

 

María Lapido (Curtis, A Coruña. 1988)

Interesada dende sempre pola integración social, a multiculturalidade e o feminismo, desenvolve a súa obra a través da fotografía e da pintura, fusionando, en ocasións, ambas disciplinas. Logo de traballar con acrílico e óleo, nos últimos anos céntrase no uso da acuarela e máis recentemente, na ilustración dixital. O seu discurso medra coas acuarelas presentes nesta mostra; trátase de distintas series de retratos de mulleres, sempre dende un posicionamento político de xénero. Para María Lapido é esencial destacar a mirada feminina. Deste xeito de ver e entender a arte nacen as ideas que subxacen nos seus retratos: por unha banda, a revisión da beleza, como un goce en igualdade de condicións para a retratada e a espectadora e, unido ó anterior, a condición de suxeito activo das súas mulleres, tratando de dar xustiza ó concepto histórico de musa. Ademáis, nelas, a forza reside nos seus rostros e non nos seus corpos.

A expresividade dos xestos e miradas transmiten forza e vulnerabilidade, nunha sorte de equilibrio emocional que reflicte a complexidade da vida diaria. Partindo do uso variado da cor e da forma, María Lapido crea atmosferas realistas, onde os planos e volumes son reinterpretados, xerando contraste entre a protagonista e o seu entorno. A artista pretende así xerar unha atmosfera onde a realidade vira poliédrica, relativa, contraditoria. A beleza neste ambiente é, unha vez máis, esa ollada poderosa e amable, de igual a igual, entre a muller pintada e a que mira. Beleza inclusiva e en conflito coa globalización, interpretada como “beleza global” que anula identidades minorizadas e ao mesmo tempo integra centos de realidades antropolóxicas e estéticas. Con esta fórmula, nace o seu último proxecto “Todas e Ningunha”, unha colección de acuarelas que teñen como obxectivo invitar á reflexión sobre a imaxe da muller, imaxe construída dende dogmas machistas que fixeron dos colectivos de mulleres un ente social non diverso. “Todas e Ningunha” fai referencia a ese conxunto íntegro, enteiro e válido de mulleres invisibilizadas que comparten e diverxen entre si.

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


 XABIER LIZ -Fetiches

 

O contacto da madeira ao percorrela coas mans, a sensación de apreixar terra; os elementos naturais que nos recordan o mundo ó que pertencemos prodúcenme a necesidade de transformalos e lanzar o seu compoñente matérico sobre lenzos en branco. Dotar da terceira dimensión aos meus cadros permite falar das emocións, todas elas partes abstractas e constantes da vida das persoas, e facelas concretas e tanxibles. 

Cada decisión tomada percíbese cunha intencionalidade non arbitraria, aínda aquelas que son gobernadas polo subconsciente. Esa mesma intencionalidade guía as miñas mans no proceso de construcción da miña obra. A abstracción matérica acolle o simbolismo da decisión sobre a casualidade, da responsabilidade dos actos obre o azar. 

Sempre me chamou a atención a creación anónima de artes utilitarias e catárticas como as xurdidas no continente africano, onde as crenzas e os actos fusionáronse en obxectos que condensan o mundo das ideas nunha certeza fermosa e inquedante ao tempo. Así, Fetiches emprega parte desa enerxía antiga empregando vellas e novas técnicas desde una ollada contemporánea. 

En toda arte permanece o elemento abstracto, o das emocións que acolle ou produce. Da observación grosa a detallada, un xeito de estar no mundo.

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.



PABLO TOMÉ - 36 disparos

 

Recordo unha película que vin, alá polos anos setenta, na que o protagonista tiña unha patoloxía de nacemento: o seu ollo era capaz de fotografar o que lle interesaba.

Eu iniciaba entón a miña vida fóra da casa dos meus pais e quería facerme adulto, pero dubidaba entre a arquitectura e as belas artes. Á empresa constructora do meu pai víñalle mellor o primeiro pero, el, coa súa xenerosidade sen límites, antes de irme a estudar a Madrid regaloume dúas estatuas e un cabalete para que aprendese a trazar liñas no aire e fosen estas as que me indicasen o camiño.

Quíxeno todo xa que pronto comprendín que, como o protagonista daquela película, o debuxo axudábame a entender o mundo, a apresalo na miña cabeza para logo converter o visto en arquitectura.

E desde entón, como na lenda de Ariadna, vou recollendo o fío nos meus cadernos buscando ao meu pai que me deixou só no labirinto coa máquina do meu ollo que tamén ten un carrete de 36 negativos.

E así eu vouno buscando.

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


EDU PORTELA - Primavera Negra.

 

Exposición fotográfica do proxecto para o FOTOLIBRO -Primavera Negra-

 

TEXTO do FOTO LIBRO -primavera negra-

Isto que tes nas mans vai de ansiedade, de resacas duras, de gritar cara a dentro. Vai de desamor, de insomnio, de subordinar a mirada á túa parte escura, de non ter un puto duro. Isto trata sobre un buraco negro interior de moitos anos, un buraco que intentas encher con sexo baleiro e os teus propios sorrisos falsos. Este libro vai de comerche a merda ti só e pedir outra ración. 

Está cheo de ausencias e da incapacidade de gestionar as miñas propias emocións. É un diario en imaxes feito para non pensar e acabar vendo o que non queres ver, pero no fondo sabes que es. Non hai peor pesadelo que recoñecerche e desprezarche.

A diferenza do traballo fotográfico baseado na procura do autoconocimiento, isto trata sobre fuxir da consciencia dos meus propios actos, de perder o tempo no banal, de abrazar a intranscendencia do momento para chegar final e involuntariamente ao autoconocimiento do que fuxía nun primeiro momento.

En poucas palabras, este libro é o resumo da miña ira dirixida contra o meu peor inimigo: eu mesmo. 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.